Ola nenos/as!
Debido á situación actual, tócanos quedar na casa.
Sabedes que é moi importante quedarse na casa, pero non debedes esquecer mantervos activos.
Debemos realizar exercicio todos os días.
Mándovos unha proposta para estes días. Espero que o pasedes moi ben!
Á Vaca Pepa gústalle que leades moitos libros, que contedes contos, historias e aventuras, que os nenos escoitedes aos maiores e que os maiores escoitedes aos pequenos!
No CEP Salustiano Rey Eiras temos a grandísima vantaxe de estar no Programa Experimental de Lectura Dixital ELBE-2, no que participan moitas familias e moitos alumnos de 4º, 5º e 6º.
Hai libros marabillosos, interesanísimos, divertidísimos.... Sen saír da casa, sen ter que mercalos na librería, totalmente gratis!
Lembrade o enlace e atopade ese libro que está aí esperándovos! http://bega-elbe2.edu.xunta.es/opac/
No ano 1999, en París, a Conferencia Xeral da UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) decidiu proclamar o día 21 de marzo, como Día Mundial da Poesía.
Dende o ensino debemos crear unha imaxe atractiva da poesía para que non se considere unha forma anticuada de arte, senón unha canle de expresión que permita ás comunidades transmitir os seus valores e a súa identidade.
A poesía axúdanos no desenvolvemento da sensibilidade, a mirar o mundo con outros ollos ...
Este ano traballaremos a poesía dende a música, aquí poderedes atopar poemas feitos cancións:
Este ano cantaremos e bailaremos todos xuntos na casa. Ánimo! #euquedonacasa Rosalía pequeniña é o título libro-disco de Uxíana Editorial Galaxia.
"Maio longo", "Como chove miudiño", "Has de cantar", "Paseniño", "Miña santiña, miña santasa" ou "Alborada" son algúns dos poemas rosalianos que se recollen neste libro.
E tamén o poema "Cántiga" de M. Curros Enríquez "Unha noite na eira do trigo" na versión de Uxía.
Uxía Lambona e a Banda Molona acheganlles aos nenos temas tradicionais galegos dunha forma nova e atractiva, utilizando para iso novos estilos musicais (ska, rock, hip-hop…) para que así coñezan e manteñan a nosa música tradicional popular .
Migallas Teatro reúne cancións infantís e versións de temas tradicionais que interpreta nos seus espectáculos e actividades de expresión dramática.
A canción "O abecedario", con letra e música de Magín Blanco, é para aprender o abecedario galego bailando e cantando.
A Familia María Fumaça presenta "A horta de Balbina" que ademais de traballar a poesía con esta canción sérvenos como recurso para o proxecto de Aliménta- T Ben levado a cabo en distintas aulas do centro.
Arrolo de cuñas é un arrolo do libro-disco Non hai berce coma o colo. Esta obra presenta 15 arrolos, recollendo cantos de berce tradicionais do patrimonio oral e musical galego.
O grupo Oviravai, non seu album As Andanzas de Paio, cántannos Esa Granxa.
Estas son algunhas das cancións molonas que podemos bailar e cantar todos xuntos. Animarvos.
#QUEDAMOSNACASA. O VIRUS DO ABURRIMENTO NON PODE CON NÓS!
Deixámosvos un xogo de mesa (creado por AMALIA P. OTERO) moi divertido para ocupar algunhas destas tardes nas que non podemos saír e debemos quedar na casa.
Podemos xogar toda a familia e pasar un bo momento todos xuntos.
Pasaremos uns días sen vernos. Agardamos que poucos.
Durante ese tempo daremos a coñecer unha iniciativa preciosa do Colectivo NOGA (Narración Oral Galega) para levar mellor o #euquedonacasa:A PANDEMIA DE CONTOS
Poderemos escoitar e ver a un lote de narradoras e narradores orais da Galiza nas nosas casas!
Como todos os meses presentamos as novidades da Biblioteca, dos últimos fondos rexistrados.
Este mes temos como novidades unha variedade de fondos relacionados con 8M (DÍA DA MULLER TRABALLADORA).
Un dos nosos principais obxectivos é educar día a día ao noso alumnado na igualdade de xénero. Realizando actividades e aplicando todos os recursos posibles para educalos e concienzalos nesta realidade .