Buscar neste blog

luns, 18 de decembro de 2023

MENÚ DE CONTOS. CHARO PITA. 20 DE DECEMBRO

Charo Pita (María del Rosario Pita Villares) naceu á idade de seis anos cando rematou de ler o seu primeiro libro. Comezou a narrar historias no ano 1994. Conta tanto para a rapazada como para xente adulta. Tamén imparte obradoiros de narración e lectura expresiva e leva publicados máis dunha ducia de libros e gañado algún que outro premio literario, o Espiral Maior de poesía no ano 2001, o premio Manuel Murguía de narracións breves no pasado 2018 ... 

Unha das súas facetas máis persoais é a de mesturar contos e música. 

O día 20 de decembro temos a sorte de contar coa súa presenza na nosa biblioteca. Estamos seguros que gozaremos como sempre das súas historias.





Un saúdo, A Vaca Pepa





XOGOS DE NADAL.

Desde a biblioteca ofrecémosvos distintos xogos onde poderedes gozar deste tempo de Nadal. 

Esperamos que vos divirtades moito!

Bo Nadal a todos e todas.



A Vaca Pepa

domingo, 17 de decembro de 2023

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE NADAL

Este curso poñemos en valor un xénero que cada vez adquire máis protagonismo na nosa Biblioteca. 

Para seguir concienciando:

  • Que ler cómic tamén é ler.
  • Que favorece a primeira alfabetización e autonomía lectora grazas ao apoio visual. 
  • Que nos ofrece diferentes capas de lectura.
  • Que favorece a alfabetización visual e artística 
  • Que favorece o desenvolvemeto da creatividade e da imaxinación.
  • Etc...
Presentámosvos as recomendacións lectoras para esta época de Nadal. 

Están divididas en catro apartados:

- primeiros lectores

- lectores autónomos

- lectores expertos

- para saber máis (relacionados co proxecto das bibliotecas escolares deste ano: Banda Deseñada)

Convidámosvos a que escollades libremente en función do voso nivel lector e dos vosos gustos.



Bo Nadal a todos!
A Vaca Pepa







venres, 15 de decembro de 2023

XANEIRAS DE NADAL. 21 DE DECEMBRO

O día 21 de decembro o alumnado do noso colexio percorrerá as rúas da localidade para cantar as panxoliñas preparadas durante estas semanas. 

Visitarán diferentes zonas como a Alameda, o Concello, a Residencia de maiores, o Colexio Fernández Varela, o Centro de Día... para finalizar todos xuntos no Cantón da leña.

No Cantón, sobre as 12.45 h., cada grupo cantará unha panxoliña e despois cantaremos todos xuntos.

Terminaremos coas doce badaladas para celebrar o inicio das vacacións.

Estades todos convidados!

Felices festas a todos!

Bo Nadal!

 A Vaca Pepa
 

luns, 11 de decembro de 2023

3 DE DECEMBRO. DÍA MUNDIAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE.

O 3 de decembro é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

O obxectivo desta celebración é promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural.

O alumnado de terceiro puido gozar dunha actividade de concienciación sobre a discapacidade, acompañados dos nosos maiores.  (Centro de día dá Pobra).
Pasaron un momento lúdico e emotivo no que tanto pequenos como maiores gozaron xuntos.


A Vaca Pepa.

martes, 5 de decembro de 2023

luns, 4 de decembro de 2023

PROGRAMA E-LBE.2

A plataforma de préstamo dixital E-LBE.2 procura ampliar as experiencias lectoras da comunidade educativa a través da lectura dixital.  

Durante estes días, o alumnado de 1º e 2º de primaria recibirá o usuario e o contrasinal desta plataforma para que os vosos fillos teñan outro recurso máis para a mellora da competencia lectora e dos hábitos de lectura. O resto de alumnado xa dispón deste recurso.

Aquí tedes un genially que vos guiará nos vosos primeiros pasos para empezar a utilizar este fantástico recurso. 

Ademais dos libros que os vosos fillos xa utilizan na nosa biblioteca agora poderán dispoñer dunha gran variedade de títulos.



Un saúdo, A Vaca Pepa

venres, 1 de decembro de 2023

NOVIDADES DECEMBRO

Xa están aquí as novidades de decembro, os novos libros que podemos levar a casa. 

Xa podes pasar polas zonas de empréstito e disfrutar das novas lecturas.



Un saúdo, A Vaca Pepa