Buscar neste blog

luns, 25 de setembro de 2023

UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS

"Agora a cousa cambiou bastante, pero eu recordo nos meus anos mozos, cando ía á escola, que os libros de texto para os nenos eran unha cousa espantosa, gris, cheos de letras e letras, e sempre pensei que os nenos aprenderían máis, non xa cos meus cómics, senón con calquera dos da miña época.

Eu véxoo cos meus netos: agora os libros dos críos teñen outra vez moitos debuxiños e tal, pero seguen sendo textos para ensinar. E eu creo que lendo simplemente as historietas, os nenos aprenderían moitísimo máis. Non tan só a ler ou a escribir, senón o que é a historia dun país, o que foi ocorrendo".
 
Francisco Ibañez, entrevista en Jot Down no ano 2017.


A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2023/2024. O lema elixido, UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS, quere poñer o foco en todas as posibilidades que a a banda deseñada ofrece tanto no goce lector como na aprendizaxe curricular.
 
A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2023-2024 é obra de Jorge Campos ilustrador, arquitecto e artista do cómic. Un convite a pasear polas viñetas das nosas bibliotecas escolares e a xogar coas cubertas que van de man en man da comunidade educativa.
 
 Un curso para poñer en valor un xénero que cada vez adquire máis protagonismo na colección das bibliotecas escolares de Galicia. Para seguir concienciando que ler cómic tamén é ler, que favorece a primeira alfabetización e autonomía lectora grazas ao apoio visual. Que nos ofrece diferentes capas de lectura na que todos e todas atopamos un espazo ao tempo que favorece a alfabetización visual e artística e o desenvolvemeto da creatividade e a imaxinación.

Un saúdo, A Vaca Pepa.


xoves, 21 de setembro de 2023

SEGUNDA ANDAINA "OS CAMIÑOS DA MEMORIA"

O día 21 de setembro, Día Mundial do Alzheimer, tivemos unha actividade xunto cos nosos maiores dos Centros de Día de Rois, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal.

Os nenos e nenas de 6º de primaria do CEPP Salustiano Rey Eiras acompañamos aos nosos maiores nunha pequena andaina. Queriamos darlles o noso apoio e o noso agarimo.

Unha maneira diferente de traballar o Día Mundial do Alzheimer.


Desde a biblioteca queremos achegar diferentes contos que nos axuden a entender esta enfermidade, sobre a perda de memoria, o que conleva e como podemos axudar.




Un saúdo, Vaca Pepa.

luns, 18 de setembro de 2023

FORMACIÓN DOS AXUDANTES DE BIBLIOTECA.

 Nestas semanas teremos aos alumnos/as de sexto realizando unha formación para poder ser os nosos axudantes durante este curso. 

Estos alumnos/as traballarán voluntariamente na biblioteca na hora dos recreos.

QUE FAN OS AXUDANTES DA BIBLIOTECA? 

  • Colocan os libros, mantendo en orde os andeis.
  • Separan e arranxan os libros estragados.
  • Coidan a biblioteca, manténdoa en orde.
  • Axúdante a atopar o libro que buscas.
  • Recomendan lecturas a outros colegas ou nenos/as pequenos/as.
  • Fan préstamos ás compañeiras e compañeiros.
  • Axudan a decorar e preparar a biblioteca para actividades especiais…

E ademais este ano algúns deles están dispostos a contarlles contos aos nenos/as máis pequenos.

Como vedes...son uns campións!

Un saúdo, Vaca Pepa

luns, 11 de setembro de 2023

CONVOCATORIA AXUDANTES DE BIBLIOTECA

Xa temos aquí a convocatoria para cubrir as vacantes dos axudantes de biblioteca. Sinalar que todo o alumnado de sexto que presente a solicitude será incluído nos equipos de axudantes.

Esperamos que gocen deste posto e que vivan o mundo da biblioteca con ilusión e agarimo.


Un saúdo, Vaca Pepa.

BENVIDOS AO NOVO CURSO ESCOLAR!

Queridas familias:

Xa estamos de volta!! Botabámosvos de menos!!

Estamos moi contentos/as de darvos a benvida a este novo curso 2023-2024.

Abrimos as nosas portas para recibir aos nosos peques e comezar unha nova aventura, chea de retos, aprendizaxes e moita moita diversión!!

Durante o mes de setembro a Biblioteca estará aberta para poder gozar de numerosas lecturas nos nosos momentos de lecer.

Estades listos/as?.. Comezamos!!

Un saúdo, A Vaca Pepa.


mércores, 21 de xuño de 2023

FIN DE CURSO. CONCERTO DE "PAKOLAS"

 "Pakolas’ é o músico e narrador Paco Cerdeira, cun espectáculo co que percorre bibliotecas, centros de lectura, feiras do libro, e outros espazos como teatros, auditorios, ou centros sociais.

E nós tivemos a sorte de telo connosco o último día de clase.

Este acto daba por finalizado un proxecto levado a cabo en todas as aulas a través da área de Música.

Tanto alumnos como profesores tiveron a oportunidade de bailar e gozar coas cancións que escoitaran  durante todo o  proxecto.


Un saúdo, A Vaca Pepa

DESPEDIDA E AGRADECEMENTO AOS NOSOS/AS AXUDANTES DE BIBLIOTECA.

No día de hoxe tivemos a despedida e agradecemento aos nosos axudantes, pola súa apreciada colaboración no día a día da nosa biblioteca.

Durante este curso 27 alumnos/as de 6.º foron Axudantes da biblioteca durante os recreos e numerosas actividades do centro.

Fixemos tres grupos asumindo as súas tarefas segundo o día que lles correspondía vir á biblioteca.. 

Dedicáronse a:

  • colocar libros nos andeis,
  • axudar aos pequenos na elección de libros,
  • reparar os fondos que se atopaban na “enfermería”,
  • levar os préstamos ás aulas,
  • ler textos aos pequenos nos recreos
  • representar contacontos aos máss pequenos…
Fixérono fenomenal e con moita ilusión, por eso entregámoslles un pequeno agasallo a final de curso.





Grazas a todos pola vosa colaboración 🙂
Un saúdo, A Vaca Pepa