Buscar neste blog

venres, 24 de abril de 2026

🤝📚 APADRIÑAMENTO LECTOR: UNHA EXPERIENCIA INESQUECIBLE 🤝📚

Con motivo da celebración do Día do Libro, o alumnado de 5º de Primaria viviu unha xornada moi especial coa súa visita á EEI Fernández Varela.

O venres achegámonos para coñecer aos máis pequenos, que nos recibiron con grandes sorrisos, ilusión e moitas ganas de compartir. Amosáronnos a súa biblioteca e os seus sorprendentes ambientes de aprendizaxe, nos que traballan con liberdade para elixir, moverse e descubrir.

Organizámonos en pequenos grupos, mesturando maiores e pequenos, para comezar co máis importante: compartir contos. Os maiores leron as súas historias e, despois, os peques convertéronse en guías, ensinándolles os seus espazos, xogos e rutinas.

Houbo tempo tamén para merendar xuntos, xogar no patio, bailar, construír e conversar… creando momentos cheos de complicidade e alegría.

🐮✨ Foi unha experiencia preciosa e moi enriquecedora, que nos deixou grandes aprendizaxes e moitos recordos.

Queremos agradecer de corazón a invitación e o agarimo co que nos acolleron. 

Agora… prepararémonos para recibir aos máis pequenos no noso cole tan ben como eles o fixeron con nós. 💛

Porque compartir lecturas… é tamén compartir emocións. 📖✨

Ningún comentario: